Un ano máis a SD Sofán organiza a súa cea anual e, como en 2015, terá carácter benéfico: o recadado servirá nesta ocasión para apoiar o importante labor que desenvolve en Carballo a xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). A cea, que se celebrará no restaurante Punta del Este o 11 de marzo, presentouse esta tarde no Casino carballés nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, a presidenta do comité de AECC na capital bergantiñá, Ana Casais; e o presidente do Sofán, Ricardo Serrano.

Ricardo Serrano, Ana Casais, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación no Casino

Ricardo Serrano, Ana Casais, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación no Casino

Os interesados en asistir, explicou Serrano, poden reservar cuberto no restaurante Punta del Este, no bar Canducho (A Lagarteira), na tasca A Cova (Carballo) ou no teléfono 659 383 344, onde tamén se tramitarán solicitudes para filas cero. A velada inclúe a actuación dun grupo musical e os prezos por persoa son 30 euros (maiores de 14 anos) e 15 euros (ata 14).

Casais mostrou o seu agradecemento ao Sofán e calquera asociación, deportiva ou non, que aposten “por iniciativas que, como esta, serven para un fin tan bo”. Ferrero falou de Carballo como un “concello solidario, no que o tecido asociativo sempre está involucrado”. “O Concello”, engadiu, “desexa que a este irmandamento entre Sofán e AECC lle medren as pólas e que se lle sumen cantas máis entidades mellor, porque trátase dunha iniciativa que merece todos os éxitos e que será, seguro, un éxito”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *